Desde a Federación de Servizos de CCOO concentrámonos este mércores diante do centro comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, para expresar o noso máis firme rexeitamento á apertura dos establecementos comerciais en domingos e festivos. Con esta mobilización, na que participamos ducias de delegadas e delegados, quentamos motores a poucos días da folga que convocamos no comercio galego para os vindeiros 26 de xullo e 15 de agosto, e revalidamos a nosa campaña polo dereito ao descanso e á conciliación de todo o persoal do sector.
«Esiximos tempo para vivir!»: A unidade sindical reforza a nosa loita
Durante a concentración despregamos unha gran pancarta co lema «esiximos tempo para vivir!» e coreamos consignas en defensa do descanso dominical e festivo, poñendo o foco na necesidade urxente de poñer freo a un modelo laboral baseado na dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras.
Esta protesta dá continuidade ao traballo constante que viñemos desenvolvendo nos últimos meses en defensa do noso tempo libre. Durante todo este tempo, levamos o noso rexeitamento a este modelo de aperturas «daniño» a diversos foros, tanto institucionais como perante a opinión pública.
Ademais, valoramos de xeito moi positivo que outras organizacións sindicais se incorporasen finalmente a esta reivindicación e ás mobilizacións que convocamos, xa que a unidade de acción reforza e fai máis potente a defensa dos intereses de todo o comercio galego.
Aperturas o 26 de xullo e o 15 de agosto: Un ataque directo á conciliación nun sector feminizado
Insistimos en que a apertura comercial fixada para os vindeiros 26 de xullo e 15 de agosto supón un ataque directo ao dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.
A ampliación da actividade nestas datas consolida un modelo baseado na dispoñibilidade absoluta dos cadros de persoal, o que agrava aínda máis os problemas estruturais dun sector altamente feminizado, xa azoutado pola parcialidade, os horarios irregulares e as enormes dificultades para compatibilizar o traballo coa vida persoal e familiar.
As grandes superficies gañan, o pequeno comercio e o persoal perden
Denunciamos tamén que este modelo de aperturas sen freo beneficia principalmente ás grandes cadeas e superficies comerciais, que son as que dispoñen de máis recursos para aproveitar as aperturas en festivos. En cambio, prexudica claramente ao pequeno comercio, someténdoo a unha competencia desigual que compromete seriamente a súa viabilidade.
Témolo moi claro: o futuro do comercio non pasa por abrir máis días, senón por mellorar as condicións laborais, reforzar o emprego de calidade e garantir o dereito ao descanso de todas e todos.
Os vindeiros 26 de xullo e 15 de agosto, paremos o comercio. Pola nosa saúde, pola nosa familia e pola nosa vida: ¡todas e todos á folga!

