Portada » Facer caixa á conta dos salarios: a falsa escusa da suba de prezos na hostalaría

Facer caixa á conta dos salarios: a falsa escusa da suba de prezos na hostalaría

O novo convenio de hostalaría da provincia da Coruña trae boas novas para o persoal: unha paga de 500 euros brutos e subas salariais do 3 % e do 3,5 % ata 2029. Porén, o presidente dos empresarios do sector xa dá por feito que en 2027 saír tomar algo será máis caro porque, segundo di, cando soben os soldos hai que trasladalo sempre ao prezo final.

Pero esa conta non é tan automática como nola queren vender. Así o deixa claro o secretario da Federación de Servicios de CC. OO., que lembra que moitos negocios gañan o suficiente como para mellorar os soldos sen tocarlle o peto á clientela: «A marxe de beneficios que teñen algunhas empresas permitiría asumir a mellora salarial sen repercutirlo no cliente».

Os datos danlle a razón. Segundo un informe de CC. OO., a hostalaría xa subiu os seus prezos un 31,2 % aproveitando o tirón da demanda, o que lle permitiu disparar as súas marxes máis dun 90 % e practicamente duplicar os beneficios empresariais. A isto súmanse as últimas cifras do INE, que confirman un sector en máximos: os hoteis acaban de bater o seu récord histórico de pernoctacións nun mes de outubro mentres encadean 64 meses seguidos encarecendo tarifas —un 7,4 % no último ano— e mellorando a súa rendibilidade.

Non é xusto que, co nivel de beneficios que está a deixar a hostalaría, se use o dereito a un salario digno como desculpa para encarecer o café ou o menú do día. De feito, outros profesionais do propio sector desmóntano cos feitos: o presidente de Hospeco descarta subas inmediatas e varios hostaleiros coruñeses recoñecen que xa actualizaron as nóminas dos seus equipos sen necesidade de aplicar grandes subas aos clientes. Ao final, o que pretende o presidente dos empresarios non é cadrar as contas, senón protexer as ganancias a base de facer caixa á conta de todos.

Máis información:
Estudo de CCOO: Los márgenes empresariales crecen a costa de los salarios y los consumidores

El Períodico: Las pernoctaciones en hoteles marcan su mejor octubre al subir un 1,6 por ciento