A Federación de Servizos de CCOO pechamos o acordo para o novo convenio colectivo de hostalaría da provincia da Coruña. O texto, asinado pola patronal e os tres sindicatos do sector (CCOO, CIG e UGT), fixa un marco de estabilidade para os vindeiros anos e supón un paso adiante nas condicións de traballo e nos sufros de moitas familias.
Subas no salario e protección fronte ao IPC
O soldo vai subir cada ano desde 2026 ata 2029. Os aumentos pactados na mesa de negociación son os seguintes:
- 2026: Suba do 3 %.
- 2027: Suba do 3,5 %.
- 2028: Suba do 3 %.
- 2029: Suba do 3,25 %.
Xunto con estas subas anuais, o convenio garante pagos directos e protección económica:
- Paga extra de 500 euros: Cobrarase coa nómina de outubro de 2026. É unha contía lineal, igual para todo o persoal sen importar a categoría.
- Atrasos de 2026: Aboaranse na nómina de decembro de 2026. Farase así para axustar as diferenzas unha vez que se faga público o IPC definitivo dese ano.
- Garantía do poder adquisitivo: A cláusula de revisión salarial queda ligada ao IPC real sen tope máximo. Se os prezos suben máis do previsto, os salarios axustaranse para que ninguén perda cartos no peto, pagando tamén os atrasos correspondentes.
Novo plus de transporte e regulación das vivendas turísticas
A partir do 1 de outubro de 2026 entra en vigor un plus de transporte de 30 euros mensuais para todo o persoal.
Outra novidade destacada é a inclusión das vivendas de uso turístico (VUT) dentro do ámbito do convenio provincial. Quen traballe neste tipo de aloxamentos pasará a cobrar segundo as táboas salariais fixadas para os hoteis de tres estrelas.
Horarios coñecidos con antelación e xestión das baixas
A conciliación da vida persoal e laboral dá un paso importante. A partir de agora, as empresas teñen a obriga de publicar os calendarios e os horarios semanais con polo menos 15 días de antelación. Ter esa información dous fins de semana antes permite organizar a vida sen pendurar de cambios de última hora.
O texto recolle tamén estes dous cambios na xestión do día a día:
- Baixas médicas (IT): Mantense o complemento por incapacidade temporal como ata agora. Só se perderá nos casos en que remate un contrato temporal mentres a persoa estea de baixa por unha enfermidade común.
- Banda do emprego: Redúcese o tempo de preaviso de 20 a 15 días cando un traballador decida marchar voluntariamente da empresa.


