Que ten que agachar o Goberno galego? Hai máis dun mes que a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e o sindicato UGT asinaron un plan sobre as baixas médicas do que a cidadanía aínda non sabe nada. Dende Comisións Obreiras (CCOO) esiximos a difusión inmediata deste texto para que as traballadoras e os traballadores saiban exactamente que se está a cociñar ás súas costas.
Un pacto ás agachadas que culpabiliza a quen enferma
O denominado «Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029» firmouse o pasado 7 de agosto. Con todo, mentres o seu contido permanece baixo sete chaves, a clase traballadora xa está a sufrir na súa propia pel a presión e as medidas para recortar as incapacidades temporais.
CCOO non participou nesa mesa de negociación porque non aceptamos un enfoque que sinala e culpabiliza as persoas enfermas. O Executivo galego prometera que o texto se aprobaría no Consello da Xunta no mes de setembro tras completar a tramitación. Con todo, xa se celebraron tres xuntanzas deste órgano e o documento segue gardado nun caixón. Por que tanta ocultación?
Galicia como laboratorio de recortes do PP
Esta tardanza non é un simple trámite administrativo demorado: é unha falta total de transparencia coa cidadanía. Ademais, os últimos feitos confirman o que dende CCOO viñamos advertindo: o Partido Popular está a utilizar Galicia como banco de probas para aplicar políticas de ataque ás baixas laborais que despois pretenden estender ao resto do Estado.
Sen ir máis lonxe, a pasada semana a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, anunciou un plan similar contra o chamado «absentismo laboral». O guión é o mesmo: vixiar as ausencias, poñer o foco nas necesidades das empresas e ignorar por completo a saúde da xente. Está claro que Galicia foi utilizada como laboratorio deste experimento.
Estar de baixa non é faltar por gusto: a fraude real está nas empresas
Dende CCOO deixámolo moi claro: ter unha baixa médica non é faltar ao traballo por gusto. Quen está nunha situación de incapacidade temporal conta cunha xustificación emitida por un profesional da medicina pública. Moitas destas persoas están a pasar por enfermidades graves, problemas de saúde mental, lesións ou están á espera dunha operación nunha lista de agarda que non para de medrar.
Si, a fraude existe, pero non está onde a Xunta quere mirar. A fraude está moito máis estendida no seo das empresas que non cumpren coa prevención de riscos, que non pagan as horas extraordinarias e que explotan os seus cadros de persoal con xornadas abusivas.
Se a Xunta quere reducir a duración das baixas, o camiño é moi claro:
- Investir nunha prevención de riscos laborais real e efectiva.
- Mellorar a sanidade pública e reducir drasticamente as listas de agarda.
- Controlar os excesos de xornada e reforzar os medios da Inspección de Traballo.
Basta de culpabilizar a quen enferma. Esiximos luz e transparencia xa!

