Portada » Remata sen acordo a negociación do ERE de Concentrix: Denunciamos que a empresa só ofrece o mínimo económico e despedimentos forzosos

Remata sen acordo a negociación do ERE de Concentrix: Denunciamos que a empresa só ofrece o mínimo económico e despedimentos forzosos

En nome de todo o comité de empresa (conformado por CCOO, CIG, CGT e UGT), informamos de que a reunión mantida este 27 de agosto coa dirección de Concentrix concluíu sen acordo sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE). Malia a nosa vontade constante de diálogo para buscar solucións dignas, a actitude inflexible e a falta de transparencia da empresa fixeron imposible acadar un pacto.

Ocultación de datos e intentos de coacción de última hora

Desde o inicio do proceso, a dirección de Concentrix negouse a proporcionar a documentación solicitada e necesaria para xustificar a apertura deste expediente e negociar con garantías. Por se isto fora pouco, a só media hora de pechar a negociación apareceu o director de Recursos Humanos —cunha presenza case nula durante todo o proceso— para tentar coaccionarnos.

Aínda sen contar cos datos completos que acreditasen este proceso, a maioría da parte social amosouse disposta a intentar negociar condicións dignas. Porén, a empresa pechouse en banda: só ofreceu o mínimo económico legal e exixiu despedimentos forzosos e «á carta».

O propio perito da empresa confirma que hai músculo económico e opcións de recolocación

Durante a negociación, desde a representación social demostramos que existían alternativas reais para reducir o impacto dos despedimentos. Grazas á auditoría realizada polo perito contratado pola propia empresa, puidemos acreditar feitos determinantes:

  • Recolocacións viables: O perito confirmou que SI ve viable recolocar unha parte das persoas afectadas, o que reduciría o impacto dos despedimentos.
  • Músculo financeiro: O informe técnico acreditou o bo músculo económico da empresa, o que lle permitiría subir a oferta indemnizatoria para facela máis digna.
  • Falta de transparencia interna: O propio auditor confirmou que a empresa tampouco lle proporcionou a el toda a documentación necesaria para realizar unha correcta auditoría.

Unha ruptura provocada pola intransixencia empresarial

Ante a falta de documentación que xustifique a apertura deste proceso, a falta de vontade negociadora por parte de Concentrix, a demostración de que a recolocación SI é posíbel, e vendo que a empresa só quere despedimentos forzosos sen aproveitamento da súa capacidade económica para mellorar as indemnizacións, foi imposible chegar a un acordo.

Desde o comité de empresa continuaremos defendendo cos todos os medios a nosa disposición a dignidade e os dereitos de todo o persoal afectado.