Portada » Denunciamos o bloqueo patronal na alimentación da Coruña e esiximos un convenio con salarios e condicións dignas

Denunciamos o bloqueo patronal na alimentación da Coruña e esiximos un convenio con salarios e condicións dignas

O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña voltamos dar unha lección de dignidade e unidade este luns, 17 de agosto, secundando a última xornada do calendario de folga que iniciamos o pasado sábado día 15. Convocados conxuntamente por CCOO, CIG, UGT e USO, centos de traballadoras e traballadores percorremos as rúas da Coruña, nunha gran mobilización desde o mercado de Santo Agostiño ata a praza de Lugo, para dicirlle alto e claro á patronal que non imos tolerar máis o bloqueo do noso convenio colectivo.

Reunións sen avances fronte a beneficios millonarios

Chegamos a estas novas xornadas de folga despois de que as dúas últimas reunións da mesa negociadora rematasen sen ningún tipo de avance. Dende CCOO-Servizos consideramos e denunciamos que a proposta empresarial é claramente insuficiente e está totalmente afastada da realidade e das necesidades dos cadros de persoal:

  • Sen recuperación do poder adquisitivo: A oferta da patronal non garante uns salarios dignos nin permite recuperar o poder de compra perdido nos últimos anos.
  • Reparto inxusto da riqueza: É inadmisible que as empresas sigan acumulando beneficios millonarios mentres se negan a redistribuílos coas persoas que facemos posible o seu negocio día a día.
  • Atascados en dereitos clave: Esiximos melloras salariais reais, o recoñecemento da antigüidade e unha redución da xornada laboral. A patronal négase a ceder nesta materia, perpetuando a precarización nun sector no que conciliar a vida laboral e persoal é hoxe unha carreira de obstáculos.

Discriminación entre provincias e precariedade aos 30 anos de servizo

O noso secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos Galicia, Juan Zas, puxo o foco nunha diferenza sangrante: coa proposta actual da patronal, o persoal dunha mesma empresa cobra moito menos na Coruña que na provincia de Pontevedra. De feito, cos ritmos que propoñen, non acadariamos na Coruña ata o ano 2029 as condicións que en Pontevedra xa teñen a día de hoxe.

Zas destacou tamén o altísimo seguimento dos paros, que deixou áreas enteiras dos supermercados, como a carnizaría ou a chacinaría, pracitcamente sen atender. Ao mesmo tempo, denunciamos publicamente as trampas da patronal, que tentou minimizar o impacto da folga botando man de persoal eventual, mentres se acumula un desabastecemento nas tendas que ven sendo evidente desde hai dous meses.

Non podemos esquecer a realidade do sector: hai compañeiras e compañeiros que levan máis de trinta anos traballando e continúan atrapados en soldos mileuristas.

Manteremos a loita se non hai avances

Se a parte empresarial non abandona o bloqueo total e accede a garantir unha revalorización dos salarios por riba do IPC, as mobilizacións non se van deter.

A forza da nosa razón está na rúa e na nosa unidade. Pola equiparación, por salarios dignos e polo noso descanso: a loita continua!