A Federación de Servizos de CCOO facemos un chamamento a todo o persoal para baleirar os centros de traballo e secundar masivamente as folgas convocadas no comercio galego (15 de agosto) e no sector da alimentación da Coruña (15, 16 e 17 de agosto). Ante unha patronal intransixente que bloquea a negociación dos convenios, a mobilización e a unidade son a nosa mellor ferramenta.
Comercio galego: O noso descanso e a nosa vida non se venden
A xornada de folga do sábado 15 de agosto no comercio galego ten un obxectivo claro: defender a conciliación e exixir o dereito ao descanso.
- Basta de domingos e festivos: A apertura continuada obriga os cadros de persoal a unha dispoñibilidade permanente que destrúe a vida persoal e familiar.
- O seu beneficio non pode ser á nosa costa: As grandes empresas aumentan as súas ganancias mentres trasladan todo o desgaste e os custos ao persoal.
Alimentación da Coruña: Salarios dignos e recuperación do poder adquisitivo
No sector da alimentación da provincia da Coruña, os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO mantemos de forma conxunta os paros dos días 15, 16 e 17 de agosto ante a postura insensible das empresas.
- Propostas insuficientes: A última oferta da patronal non garante uns soldos xustos nin permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos.
- Beneficios récord, condicións precarias: É inaceptable que un sector que factura máis ca nunca se negue a repartir a riqueza con quen fai posible o negocio co seu esforzo diario.
A túa participación é a clave
O bloqueo empresarial só se rompe cunha resposta masiva nas rúas e nos centros de traballo. Defender uns soldos dignos, o dereito a descansar e un convenio xusto depende do compromiso de todas e de todos.
Este 15, 16 e 17 de agosto, secunda a folga. Polos teus dereitos e polo teu futuro!

