Portada » Mobilizámonos en Vigo polo dereito ao descanso no comercio: Este 15 de agosto, todas e todos á folga!

Mobilizámonos en Vigo polo dereito ao descanso no comercio: Este 15 de agosto, todas e todos á folga!

En CCOO saímos hoxe á rúa en Vigo para erguer a voz e defender o dereito ao descanso de todas as traballadoras e traballadores do comercio. Centos de compañeiras e compañeiros xuntámonos entre El Corte Inglés de Gran Vía e o centro comercial Vialia nunha concentración masiva para denunciar o impacto demoledor que teñen as aperturas en domingos e festivos na nosa conciliación laboral, familiar e persoal.

Esta mobilización forma parte da campaña que levamos meses desenvolvendo para mellorar as condicións do sector e é a antesala directa da folga na que vos chamamos a participar masivamente este sábado, 15 de agosto.

Amelia Pérez: «Non se pode normalizar a explotación nin o bloqueo dos beneficios»

Na concentración, a nosa secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, denunciou que nos últimos anos se foi «normalizando» a apertura do comercio en días festivos, unha práctica que cualificou de «especialmente inxustificada» durante os meses de verán, cando as vendas adoitan diminuír.

Así mesmo, Amelia respondeu con contundencia ás recentes declaracións do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, sobre o incremento da conflitividade laboral en Galicia:

  • Bloqueo patronal: A nosa secretaria xeral afeoulle á patronal a súa actitude intransixente: «Neganse a repartir os beneficios que sempre reclamamos desde CCOO. Se imperase o sentido común na clase empresarial deste país, non teriamos que chegar ata estes extremos».
  • O mal chamado «absentismo»: CCOO desmarcámonos do acordo de diálogo social da pasada semana porque «sabiamos como ía rematar esta cuestión», xa que a patronal só busca culpabilizar a clase traballadora.
  • Máis de 347 000 horas extra semanais: Lembrou tamén o recente informe presentado por CCOO, que revela que en Galicia se fan case 347 000 horas extra cada semana, das cales o 40 % non se pagan. Unha cifra «inasumible» e próxima á «explotación laboral», con especial incidencia no comercio e na hostalaría.

Iván Cordeiro: «O descanso é un dereito; precisase tempo libre para vivir»

Pola súa banda, o noso secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO, Iván Cordeiro, denunciou un feito grave e sen precedentes: a Xunta autorizou este ano as aperturas en domingos e festivos sen realizar unha consulta previa cos sindicatos. «É a primeira vez na historia que se toma unha decisión deste tipo sen contar con todos os sindicatos», advertiu.

Iván lembrou cal é o fondo deste conflito:

  • Aperturas por lecer fronte a dereitos: As patronais están a premer para ampliar a apertura comercial ao entender as compras como unha forma de lecer, un ataque frontal ao descanso dominical que tamén se vive en Europa.
  • O modelo europeo: Fronte a esta dinámica, contrapuxo o exemplo de Alemaña, onde o descanso dos domingos está protexido pola propia Constitución.
  • Dignidade e conciliación: Cordeiro defendeu con firmeza que as fins de semana e os festivos deben ser para a vida familiar e a conciliación: en resumo, «tempo libre para vivir».

Ninguén nos regala nada: Secunda a folga!

Fronte ao ataque da patronal e a pasividade das administracións, a nosa única forza é a mobilización e a unidade. Se a clase empresarial non actúa con responsabilidade, darémoslle a resposta nas rúas e nos centros de traballo.

Este sábado, 15 de agosto, baleiremos os comercios e paremos a produción. Polos nosos dereitos, polo noso descanso e pola nosa dignidade: ¡secunda a folga!