O sector da hostalaría da provincia da Coruña —bares, restaurantes, cafeterías, pubs e hoteis— parará o vindeiro 12 de agosto, coincidindo coa agardada eclipse de sol. Deste xeito, desde CCOO, en conxunto coa CIG e a UGT, anunciamos a convocatoria de folga e chamamos á participación masiva de todas e todos os traballadores para esixir unha negociación real tras ano e medio co convenio colectivo caducado e totalmente bloqueado pola patronal.
Unha patronal sen boa fe que ataca a nosa saúde e o noso peto
A parte empresarial non amosa a máis mínima boa fe nas negociacións e pretende que os seus beneficios sigan medrando a costa do noso lombo. Mentres os nosos salarios levan ano e medio conxelados, a patronal pretende eliminar o complemento por incapacidade temporal (IT) e négase a pagar os atrasos do ano 2025. Tampouco propoñen ningunha mellora en materia de redución de xornada nin en saúde laboral, dous aspectos que para nós son totalmente irrenunciables.
Como explica o noso secretario de Acción Sindical de CCOO Servizos, Juan Zas: «Non imos aceptar que nun sector con tanta carga de traballo, con xornadas extenuantes, non se fale de investimento en prevención de riscos e se criminalicen as situacións de incapacidade derivadas de toda esta penosidade no traballo».
Na hostalaría sufrimos xornadas maratonianas que superan con creces os límites legais e unha cantidade inxente de horas extra que non se nos pagan. O continuo crecemento da rendibilidade do sector prodúcese á custa da nosa precariedade: cos cadros de persoal en mínimos na maioría dos negocios, a sobrecarga deriva en máis baixas médicas que logo non se dan cuberto polas condicións miserentas que ofrecen, xerando un auténtico efecto de «peixe co rabo na boca».
A nosa posición: Dispoñibilidade para negociar e reivindicacións claras
O noso compañeiro Juan Zas quixo deixar moi clara a nosa dispoñibilidade sindical para acadar un acordo, facendo un chamamento directo á patronal para establecer unha negociación seria e con vontade real.
Para nós, as condicións para pechar un convenio colectivo xusto e evitar o conflito pasan inevitablemente por atender as seguintes esixencias:
- Respecto ao complemento por IT: Mantemento do complemento de incapacidade temporal para non castigar nin criminalizar ás persoas traballadoras cando enfermans.
- Salarios por riba do IPC: Incrementos salariais reais que superen a inflación para garantir un poder adquisitivo real e digno.
- Redución da xornada laboral: Diminución efectiva do tempo de traballo sen perda retributiva.
- Descansos semanais garantidos: Días de descanso efectivos e respectados para poder conciliar a vida familiar e persoal.
Este 12 de agosto, durante a eclipse, fagamos oír a nosa voz. Polos nosos dereitos, pola nosa saúde e por un convenio digno: ¡secunda a folga!

