A Federación de Servizos de CCOO Galicia fixemos un chamamento público ao resto de organizacións sindicais con representación no sector do comercio de alimentación da provincia de Lugo. O obxectivo é impulsar, de maneira conxunta, a apertura inmediata da mesa negociadora do convenio colectivo, que se atopa vencido desde o pasado mes de xaneiro de 2026.
CCOO consideramos urxente iniciar canto antes este proceso para actualizar as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras do sector. Nun contexto socioeconómico marcado polo constante incremento do custo da vida, a organización sinala a necesidade imperiosa de reforzar os dereitos laborais nun ámbito que resulta esencial para a economía e o consumo de toda a provincia lucense.
As prioridades de CCOO para o novo convenio de alimentación
Temos claras as liñas vermellas e as melloras estratéxicas que se deben poñer sobre a mesa de negociación. As prioridades para este novo marco regulador céntranse en catro eixes clave:
- Mellora dos salarios: Garantir un incremento salarial xusto para paliar a perda de poder adquisitivo do persoal.
- Conciliación real: Implementar medidas efectivas para conciliar a vida laboral e familiar.
- Estabilidade no emprego: Fomentar a contratación de calidade e reducir a precariedade.
- Organización do tempo: Mellorar a planificación das xornadas e dos tempos de traballo.
Fronte común coa UGT e a CIG en Lugo
No caso de Lugo, xa transmitimos formalmente á UGT e á CIG —sindicatos coa maior representatividade no sector— a nosa total disposición a traballar desde a unidade sindical. O propósito final é promover unha negociación útil, seria e plenamente centrada nas necesidades reais dos cadros de persoal.
«O diálogo e a coordinación entre as distintas organizacións sindicais son fundamentais para fortalecer a capacidade de negociación fronte á patronal e favorecer avances efectivos»
O espello da Coruña: Folga polo bloqueo da patronal
Mentres na provincia lucense se busca abrir a mesa, a situación na Coruña chegou a un punto crítico. Para mañá hai convocada unha folga no sector do comercio de alimentación ante o bloqueo que a patronal está a exercer nas negociacións. Alí, a convocatoria conta co apoio unitario dos catro sindicatos representados: CCOO, CIG, UGT e USO.
Chamamento á patronal de Lugo para evitar demoras
Ao mesmo tempo, consideramos estratéxico que a patronal de Lugo amose vontade negociadora e un compromiso real co sector. Desde CCOO ínstamos ás empresas a evitaren demoras innecesarias na negociación dun convenio colectivo que afecta directamente a centos de persoas traballadoras en toda a provincia.








